Thursday 16 de May de 2024

O Concello de Oroso organiza unha exposición para o descubrimento de novos valores artísticos entre a súa veciñanza


A mostra está aberta á participación de todos os veciños e veciñas que acheguen os seus traballos de pintura, debuxo, escultura ou fotografía antes do 16 de novembro

O Concello de Oroso pon en marcha este mes de novembro unha nova iniciativa para o descubrimento de novos valores artísticos entre os seus veciños e veciñas. Así, o Concello organizará unha exposición de pintura, debuxo, escultura e fotografía aberta á participación de todos cantos veciños e veciñas desexen compartir a súa arte cos seus conveciños.

Para poder participar só é preciso achegar o traballo ao Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro antes do 16 de novembro e en horario de 9:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas. “Non hai límites creativos nin tampouco de idade, xa que o obxectivo é buscar novos valores artísticos entre os nosos veciños e veciñas”, explica o concelleiro de Cultura, Luís Rey Villaverde, quen lembra que “se o GóisOrosoArte serviu para descubrir a moitos artistas entre a nosa veciñanza, agora queremos ir un paso máis aló”.

Con todas as pezas que se presenten, o Concello de Oroso organizará unha exposición no centro cultural Fernando Casas e Novoa, que poderá visitarse do 18 de novembro ao 2 de decembro. A inauguración terá lugar o mesmo venres 18 de novembro, ás 20:30 horas, coincidindo coa posta en marcha doutra iniciativa novidosa como é a I Ruta Gastronómica Bocados de Outono, na que 18 establecementos hostaleiros do municipio obsequiarán aos seus clientes cun bocado especial con cada consumición que fagan durante os días 18, 19 e 20 de novembro.